Saturday 04 de May de 2024

A Coruña acollerá a sétima edición do Eco-Rallye do venres ao domingo


O obxectivo deste evento é promover o uso de vehículos de baixas emisións e animar as persoas usuarias a cambiar os seus hábitos de condución

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, tomaron parte na presentación

Esta fin de semana, do venres 14 ao domingo 17, realizarase a sétima edición do Eco-Rallye da Coruña, que contará con máis de 40 pilotos rexistrados, superando amplamente o número de participantes da edición anterior.

A proba, que se leva a cabo entre o venres e o domingo, terá a súa base no Parrote. Está organizada pola Escudería La Coruña e conta coa colaboración do Concello da Coruña. Hoxe, na presentación, tomaron parte o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez.

Trátase da única proba destas características que se realiza en Galicia, ademais de ser todo un referente na zona noroeste de España. Este ano lévase a cabo a sétima edición da cita, que naceu en 2016, e que ano a ano vai crecendo tanto en número de participantes como en notoriedade.

Durante os dous días que dura a competición valorarase a regularidade e a eficiencia dos pilotos, e terá como obxectivo promover o uso de vehículos deseñados para aforrar enerxía e diminuír a contaminación. Esta cita é, ademais, puntuable para o Campionato de España de Enerxías Alternativas e candidata a acoller o Campionato do Mundo FIA Eco Rally Cup o ano que vén. Outra das características desta competición é que os pilotos non coñecen os tramos do circuíto ata unha hora antes de comezar cada etapa.

Gonzalo Castro amosou o “compromiso do Goberno de Inés Rey co sector do automovilisto”, agradecendo á Escudería La Coruña o seu traballo para captar este tipo de competicións na cidade. “Esperamos poder pasar ao seguinte nivel e que esta sexa unha proba internacional moi pronto”, sinalou Castro.

Calendario
Venres, 15 Setembro
17.00h – Verificacións Técnicas – O Parrote
20.30h – Hora limite de entrada ao Parque pechado
21.00h – Saída Protocolaria – O Parrote – Podio de saída
Sábado, 16 Setembro
09.00h – Saída. Comezo da 1ª etapa
13.00h – Chegada primeiro participante
17.00h – Saída primeiro participante.
21.00h – Chegada primeiro participante. Fin da 1ª etapa
Domingo, 17 Setembro
09.00h – Saída primeiro participante á repostaxe e fin de recarga vehículos eléctricos e
híbridos enchufables.
11.00h – Chegada primeiro participante – Fin do Rallye.
13.00h – Entrega de premios do Rallye
Programa suxeito a cambios en función das necesidades propias da organización